Que é a Universidade Invisíbel?


O formigón armado educa na indiferenza


Vai tempo que cansamos do modelo de coñecemento no que se ve inscrito a Universidade Pública. Pola parte que nos toca a Universidade da Coruña (UdC) cumpre con todos e cada un dos tópicos da universidade post-68. En primeiro lugar, a súa localización dá boa mostra da súa separación da vida social do común. Ben afastada da cidade convértese nun monstro que precisa medrar constantemente, aínda a risco de levar por diante particularidades históricas, modos de vida e formas de habitar o territorio cuxa conservación e ampliación deberían estar entre os obxectivos de calquera sociedade digna. É o caso da parroquia de San Vicente de Elviña, asediada desde hai anos por proxectos de ampliación universitaria e outros modernísimos plans. Estes, coma moitos outros, son exemplos do combate pola xestión do territorio no que a UdC se posiciona en contra dos Comúns.

Este afastamento da sociedade foi lido de forma moi interesada polos poderes económicos de finais do antigo século XX e principios do XXI, organizando un gran asalto ás institucións destinadas á creación de saber (Informe Brical, Proceso de Boloña, Universidade 2015...) e as súas conclusións coma non podía ser doutro xeito, foron dirixidas á remodelación da universidade, supeditándoa ao capital privado, facendo desta un instrumento para o novo capitalismo cognitivo, organizado baixo a lóxica da precarización laboral.

Por outra banda, o coñecemento inscrito en áreas temáticas, as máis das veces arbitrarias, responde a un modelo de ensino caduco e doutrinario, que adoece por partes iguais de dogmática e de mecanicismo. A simple vista, a Universidade antóxasenos un monolítico bloque de formigón gris, cuxo destino non é máis que a reprodución das históricas contradicións de clase. Nesta análise da universidade achamos un proceder na constitución de saber que reflicte unha racionalidade instrumental, inmanente á lóxica dun poder manufactureiro.
Outra vista de ollos máis aguda e detida, ofrécenos a escena dunha Universidade coma un permanente espazo de conflito, no que cada área, cada aula, cada exposición, escolle entre á adscrición ao gris formigón ou á protesta por medio dos contidos, isto é: a ser un ladrillo máis do muro ou a sumar nesta multiplicidade de xestos alternativos que atenden ao latir do corpo dos Comúns, que entende o saber coma algo inseparábel do conflito social, desta guerra non declarada e transversal.

A UnInv renace nunha nova etapa cos corpos e as mentes dos/as que no seu día observabamos desde fóra os seus primeiros pasos, pero sen chegar a participar por completo nela. Renace coa intención de servir como espazo dacabalo entre o activismo social e o pensamento da academia, que configura un momento de reflexión con ritmos máis lentos que o cotián militante. Neste sentido a UnInv é unha ferramenta de creación de saber-poder destinada a fornecer o Común de novas armas. Pero tamén procura construír pontes entre a Universidade e os Comúns, para que, do diálogo entre ambos lugares, podamos romper as fronteiras invisíbeis da nosa separación, e formar alianzas que repercutan positivamente en ambas loitas; por unha banda a emancipación social, por outra a liberación das formas de saber. Eixo central da recuperación da UnInv observámolo na necesidade de volver a poñer á Universidade ao servizo da cidadanía, en forma de medio para o plantexamento da cuestión do poder.